As praias de Ribadeo xunto coa súa costa son uns dos principais atractivos deste municipio, non quedes só coas Catedrais, percorre toda a costa e desfrútaa na súa totalidade.
Así, flanqueando a costa estírase a chamada rasa costeira, “Rasa cantábrica”, unha ampla superficie plana onde se desenvolveron formacións xeomorfolóxicas de gran beleza.
Desde Illa Pancha, no este, ata o límite co municipio de Barreiros, no oeste, o litoral ribadense convírtese nun sinfín de entrantes e saíntes.
Entre os primeiros predominan as praias recollidas, como as de Rochas Brancas, Xuncos, As Illas, Os Castros, e Esteiro, ou pequenas enseadas rochosas como A Insua, Arnela, Loureiro, Coedo, Areosa, Cegoñas, ou Cabalar, en ocasións cubertas de coídos que poden pasar desapercibidas se o visitante non se achega o suficiente á beira do mar.
Entre os segundos destacan numerosos saíntes, auténticos agullóns que se incrustan no mar como o Penedo da Insúa, Penedo do Corvo, e Punta Corveira.